Con base na lexislación básica estatal contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e co obxecto de avanzar en facer efectivo o dereito dos/das cidadáns/ás a relacionarse electronicamente coas administracións públicas e a conseguinte obriga destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito poida exercerse, faise preciso incorporar a fase de elección de destino dos/das aspirantes seleccionados/as nos procesos de selección fixa convocados polo Servizo Galego de Saúde, á súa tramitación a través do sistema de información Fides/expedient-e, que xa resulta de aplicación ás fases de inscrición e baremación de méritos de tales procesos.
De conformidade co exposto, esta dirección xeral, en virtude das facultades conferidas polo Decreto 137/2019, do 10 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde (DOG núm 208, do 31 de outubro) e logo de informe na Mesa Sectorial de Sanidade,
RESOLVE:
Artigo único. Aprobar as bases do procedemento telemático de elección de destino, a través de Fides/expedient-e, nos procesos de selección fixa convocados polo Servizo Galego de Saúde, que se inclúen como anexo desta resolución.
Este procedemento será de aplicación aos procesos selectivos de nova convocatoria e aos xa convocados, pendentes de elección de destino, agás aqueles que polas súas especificidades así determine o órgano convocante.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta dirección, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente na xurisdición contencioso-administrativa nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.
Santiago de Compostela, 28 de maio de 2020
Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos
ANEXO
BASES
Primeira. Destinatarios
O procedemento que regula as presentes bases será de aplicación ás persoas aspirantes seleccionadas nos procesos selectivos para o acceso á condición de persoal fixo convocados polo Servizo Galego de Saúde.
Segunda. Prazas ofertadas
A Resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos pola que se aprobe a relación de aspirantes definitivamente seleccionados/as no respectivo proceso, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, incluirá a relación de prazas ofertadas na correspondente categoría/especialidade, identificadas como mínimo por localidade, centro e no seu caso, quenda.
Terceira. Prazo
Os/as aspirantes que consten nesta resolución disporán dun prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ao desta publicación para manifestar a súa opción polos destinos ofertados, que deberá efectuarse a través do sistema de información Fides/expedient-e.
Cuarta. Procedemento de selección de destinos
Para a selección de destinos a través de Fides/expedient-e, o/a aspirante deberá proceder da seguinte forma:
4.1. Accederá no seu expediente electrónico á pestana de «Procesos», «Inscrición OPE» e á categoría/s en que resultou seleccionado/a.
4.2. O/a aspirante visualizará a súa solicitude de participación no proceso no estado de validada editable.
4.3. No detalle da inscrición constará unha nova epígrafe, denominada “Selección destinos OPE”, en que o/a aspirante disporá da información relativa á posición que ocupa para efectos de elección de destino, segundo a orde de puntuación obtida no proceso e quenda de acceso, así como da totalidade de prazas que se ofertan na súa categoría/especialidade.
4.4. A continuación, a persoa aspirante procederá a seleccionar, por orde de preferencia, os destinos que se ofertan.
4.5. Efectuada a selección de destinos, pola orde de prelación que considere, o/a aspirante deberá proceder a asinar electronicamente o formulario de selección e presentalo por rexistro electrónico.
Para o rexistro electrónico do formulario de selección requirirase un certificado dixital válido, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre ou Camerfirma ou DNI electrónico.
4.6. A aplicación informática permitirá ao/á aspirante que así o desexe, seleccionar un número de destinos inferior ao da posición que ocupa no proceso, advertindo neste suposto que, de non resultar adxudicatario/a de ningún dos destinos seleccionados decaerá do dereito a ser nomeado persoal estatutario fixo quedando sen efecto todas as súas actuacións neste proceso.
Quinta. Modificación
O/a aspirante seleccionado/a poderá modificar a selección efectuada mentres estea habilitado o prazo de elección de destinos. Toda modificación que se desexe efectuar sobre a selección inicial requirirá a sinatura dixital e presentación por rexistro electrónico. O sistema terá en conta para a adxudicación de destino a última modificación efectuada.
Sexta. Renuncia
6.1. O/a aspirante, dentro do prazo que se indica na base terceira, poderá renunciar, se así o desexa, á selección de destinos efectuada. Esta renuncia deberá efectuarse a través de Fides/expedient-e, na epígrafe de «Renuncia destinos». Para que sexa efectiva, deberá ser asinada dixitalmente e presentada por rexistro electrónico.
A renuncia presentada poderá ser revogada polo/a aspirante a través do mesmo procedemento e prazo indicados.
6.2. O/a aspirante que exerza esta opción quedará excluído do proceso e decaerá do seu dereito a ser nomeado persoal estatutario fixo na respectiva categoría/especialidade.
Sétima. Adxudicación de destino
Finalizado o prazo para a selección de destinos a través de Fides/expedient-e, a aplicación efectuará a adxudicación automática de destinos, en función da quenda e orde de prelación acadada por cada aspirante no proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por este.
Oitava. Información complementaria na web
A presente resolución complementarase con axudas na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) sobre o procedemento para cubrir o formulario de selección.