«Na información meteorolóxica traballamos con hipóteses, algo que moitas veces se esquece»

Melissa Rodríguez
Melissa Rodríguez CARBALLO / LA VOZ

ZAS

ANA GARCIA

A LUZ DA CIENCIA DENDE O DOLMEN DE DOMBATE | A comunicadora do tempo na TVG Mabel Montes defende sobre o cambio climático que «todo está interconectado», e o que sucede nun extremo do mundo pódenos afectar

26 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Mabel Montes Rama (Lamas-Zas, 1976) tamén formou parte da terceira entrega das aulas científicas en Cabana. Centrou a súa intervención en como comunicar a información meteorolóxica a través da televisión. Dende 1998 traballa na CRTVG. Primeiro pasou polas ondas radiofónicas, para logo asentarse na gran pantalla, se ben é certo que non foi ata hai una decena de anos cando se especializou no ámbito do tempo.

«Xurdiu así e vino como unha oportunidade de aprender, como un reto tamén nun plató», comenta. Pronto lle colleu o gusanillo: «Hai variables novas, pero o reto que supón facer previsións no día a día en Galicia engancha», asegura.

Precisamente desas rutinas falou a veciña da comarca de Soneira: «Collemos material de MeteoGalicia e elaboramos os nosos propios mapas, o que require dun gran traballo de edición. Logo, tamén facemos moitas conexións en directo en distintos espazos informativos e interactuamos cos espectadores, que é unha parte bastante importante do noso traballo». A isto último prestou especial atención a zasense, pois explicou que son diferentes as vías a través das que a audiencia pode aportar datos ou consumilos: «Temos un número de WhatsApp no que nos mandan vídeos, fotografías, preguntas... E tamén un teléfono e un correo electrónico. Mediante as redes sociais contamos moitas curiosidades relacionadas coa natureza, en xeral, tratando de chegar ao público máis mozo, xa que consume a información como un entretemento». Asegura Mabel que ela mesma se asombra do transversais que son os telespectadores dos informativos do tempo.

Preguntada pola fiabilidade das distintas aplicacións móbiles que hoxe en día usa a poboación para consultar o parte meteorolóxico, conta que case todas se basean nos datos das axencias oficiais, e que todo depende das actualizacións que fagan. Ela recomenda empregar as de MeteoGalicia e AEMET, ou valerse directamente da «inmediatez única da tele».

Disto último versou con máis profundidade. Antes de saír en antena, ela mesma comproba a última hora dende o propio móbil para «dar unha linguaxe máis próxima ao que sucede», sinala, que ollo, «sempre son hipóteses, pois poucas veces se poden asegurar as previsións», recalca. A comunicación do futuro no seu sector pasa pola «realidade aumentada» e por «aplicar a temperatura en tempo real», aspectos que xa se comezan a traballar na actualidade.

Como a todo meteorólogo, a Montes Rama tamén lle preocupa a problemática do cambio climático. Neste sentido, deixou varias reflexións a ter en conta: «Os cativos son os que máis se implican con esta causa. Aquí en Galicia somos afortunados co noso clima e non notamos os extremos, pero temos que facer pedagoxía, porque todo está interconectado, e o que sucede nun extremo do mundo pódenos afectar. Vímolo recentemente coa calima que tivemos en Galicia, que chegou dos incendios de California. Despois, a maiores, cada un ten que facer accións como usar o transporte público, aínda que no rural, por exemplo, é moi difícil porque case non existe».