BD e IA

Xavier Alcalá
Xavier Alcalá A VOO DE TECLA

OPINIÓN

Quique García | EFE

06 abr 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A BD (banda deseñada) é un xénero mixto: icónico e textual. Os artistas que así fabulan fan unha mestura que mesmo inclúe debuxo suxeridor de movemento e voces, alén de globos e microrrelatos entre cadriños. A BD é un xeito moi efectivo de versionar narrativa tradicional para introducir xente nova na lectura, e ten centos de usos para informar «metendo as cousas polos ollos». De xénero para a diversión pasou a ferramenta didáctica.

Ao pagar, o comprador de BD non imaxina o traballo de escravo que dá facer os cadriños e meterlles os textos de maneira coherente, segundo un guión e sempre compensando espazos que ocupan imaxe e texto. Os creadores de BD contaban ata agora con axudas informáticas que non os libraban do debuxo básico a man, repetindo características de personaxes e escenarios. Mais apareceu a IA (intelixencia artificial) para axudalos. Certo que xa hai programas de IA que crean historias en BD seguindo instrucións e suxestións. Porén o importante é que o creador defina con minucia suxeitos e circunstancias, que con esa definición a IA produza moitos cadriños posibles e que ao final —como no cine— o artista monte a obra. Iso vaino liberar da súa presente escravitude e vai abaratar a creación de BD por mingua de horas/persoa/obra. Benvida sexa a conxunción da BD coa IA.