Amosando publicacións coa etiqueta Perfecto García. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Perfecto García. Amosar todas as publicacións

09/11/17

A historia da celebración da Festa de San Martiño en Bueu, pese a que era un dos eventos máis importantes da vila[1] ao longo do ano, non sempre foi doado celebralo con toda clase de facilidades. Houbo momentos en que a sona da festa transcendía aos medios de comunicación con grande aporte gráfico e de artigos. Proba disto poden lerse no que publiquei na revista O Candil nº 3, 7 e 11 en novembro dos anos 1994, 1995 e 1996 no que recollía a contribución na promoción das Festas de San Martiño.
Seguindo nesa liña, e aproveitando que tamén este ano houbo dificultades para que unha Comisión de Festas puidera facer con garantías a festa do patrón, tivo que tomar as rendas da mesma o concello de Bueu. Isto lembroume unha pequena entrevista publicada en El pueblo gallego do 10 de novembro de 1960 ao presidente da Comisión de festas dese ano Perfecto García Lemos[2] que a continuación transcribo:
Diálogo con D. Perfecto García Lemos Presidente da Comisión de Festas
-Se non fora polo entusiasmo dunha peña de amigos, non se celebrarían este ano as festas na honra de San Martiño -díxonos don Perfecto García Lemos, presidente da comisión festeira de Bueu.
- Son verdadeiramente interesantes?
-Eu creo que si. Sobre todo, pola súa tradición e porque son datas nas que todos os fillos de Bueu xúntanse pese a atoparse na distancia.
- Ocasionan moito prexuízo económico?
-Nin prexuízo nin beneficio. O comercio e a industria local encárganse de sufragar os moitos gastos que a organización destas festas ocasionan.
- Diga vostede -engadiu o Perfecto- que o verdadeiro peso da comisión de festas o levan outros señores: Antonio Cerviño e Isolino Liméns e as comisións que por barrios compuxéronse. Son os que verdadeiramente se preocupan de que teñan éxito. Porque as Festas de San Martiño son totalmente necesarias. Case sempre acoden aqueles que desde fai tempo están lonxe. Son algo así como as Navidades.
- Dos alicientes festeiros, Cal é o máis importante?
-Este año os fogos serán algo frouxos. O fútbol quizais sexa o máis destacado do programa. Espero que polo menos se iguale a categoría festeira de anos anteriores. Este ano incluso haberá un día máis de festa. Comezarán hoxe dez do actual e finalizarán o trece domingo.
Como dicía Perfecto García, o fútbol é un dos alicientes máis destacados. No mesmo xornal aparece o presidente, adestrador, directiva e xogadores dos dous equipos do Bueu o xuvenil e o de maiores.



[1] E tamén dos bueueses na emigración que adoitaban xuntarse a comer por esas datas como por exemplo facían os “Unidos de Bueu” na Arxentina: http://bit.ly/2jjDBkF  
[2] Fora rexedor municipal de 1937-1939. Hai unha entrada neste blog sobre o seu cese: http://bit.ly/2ABe7mS

01/03/17

O día 26 de novembro de 1938, pouco despois das 9 da noite, Perfecto García Lemos achábase na compañía duns amigos nunha casa de comidas preto da súa vivenda e solicitaron ao taberneiro lles servira unha última copa. Vendo isto un Axente de Policía Marítima do Distrito de Bueu o recriminou por estar expresamente prohibido o consumo de alcol nas tabernas, bares e casas de comidas de toda a provincia, a partires da primeira hora da noite, por orde do Delegado de Orde Público. Ao parecer o fixo de non moi bos modos, o que provocou un pequeno altercado entre ambos incrementado pola exixencia de respecto reclamada por Perfecto García ao sentirse investido de autoridade como alcalde que era do concello de Bueu.
O incidente xerou unha denuncia ante o Gobernador Civil do Axente de Policía Marítima. Denuncia que se transformou un mes despois nunha comunicación do gobernador que “autorizado pola Superioridade”  decide cesalo no seu cargo e substituílo, como alcalde, polo Xestor da Corporación, José Mª Massó García que toma posesión do seu cargo ás 11 horas do día vinte catro de xaneiro de 1939 en detrimento do que viña exercendo como tal, Perfecto García Lemos. Na acta “Promete o D. José Mª Massó García cumprir ben e fielmente o seu cometido dándose por tomado posesión da Alcaldía e despois de cambiar frases de saúdo e mutuo afecto entre o Alcalde que cesa e o entrante...”